A vivenda está formada por catro corpos encostados de planta rectangular e cuberta a dúas augas. Cada corpo alberga diferentes usos da vivenda, pero manteñen a constante da cuberta a dúas augas con idéntica pendente. O corpo maior, que serve de punto central, alberga o salón e as zonas de comunicación: vestíbulo de entrada e escaleira que comunica co soto. Dende aquí comunícase, por unha banda co corpo da cociña, e polo lado oposto coa zona de noite. A zona de noite resólvese con dous corpos, un que aloxa dous dormitorios co seu cuarto de baño, e o outro que alberga o dormitorio principal con cuarto de baño e vestidor. O soto destínase a espazos serventes da vivenda: aparcamento, rocho, instalacións, patio-tendedeiro, e un aseo.
Exteriormente a edificación responde a un criterio de neutralidade e integración na súa contorna rural. Os cerramentos da vivenda resólvense con cachotería de pedra e a cuberta con tella cerámica curva.
Localización: Lugar de Pontella, Concello de Malpica de Bergantiños
Superficie Construida: 403,70m²
Ano de finalización: 2018